8 mar 2010

PÉRFIDA ERÍN, MARIA DO CEBREIRO

"A alma coa que nacín

é o único territorio que preciso anexionarme"



M. DO CEBREIRO



PÉRFIDA ERÍN



(SETE VISIÓNS EN TERRA)







A Chus, a Manolo e a Paulino, que chegaron





1. azar obxectivo



irlanda segue lonxe, coma vós: equipolente, a miña intelixencia

ensaia nós de barco cos zapatos e os amallós compoñen

a música do chan, lousas desafinadas.

Levádellas ó mar, que é doutra corda

(prenderei na máis curta esa distancia).



Pero no medio e medio do traxecto

ancorarei os óxidos. Mesmo bucearei, se mo pedides,

na busca do tesouro que perdín.



Nas estremas, os vértices, lonxe de se atraer,

veñen dar noutra cousa. En min non se cumpriu

lei electromagnética ningunha,

porque nos aeroportos son as identidades

as que, presas de estrañas convulsións,

repelen a brancura do meu rostro.

E iso, desacougante, que ás veces lles poñemos

no verán, os mosquitos,

demasiado doados de morrer

na perversa espiral da cinta plástica.



Velaí o destino lamentable

da loita organizada contra os trópicos.



Hoxe, en suma, non houbo

pasaxe para min,

e nin o corazón,

que nunca lle fallou á orquestra íntima,

poderá detallar puntualmente o fracaso, o lamento ante a perda, nubes irreversibles

cando entre sangue e sangue sentimos cómo escoa

unha fluencia impar:

as posibilidades desbotadas.



O desacougo medra cando a mingua se estende ou se desmanda.

Quizais o corpo-máquina puidese suxeitarse

á lóxica inconsciente do despiste.

Así, nun organismo coma o meu

todo sucedería por azar,

os biorritmos irían ó compás do desastre

e o reloxo das veas tería a intermitencia

dalgún despertador intempestivo,

dun reloxo de cuco pendurado no teito, boca abaixo,

debaixo dunha fiestra substituta do chan

cos cristais cheos de bafo: unha trapela, un túnel

que conducise ó inferno, de cabeza.



(os cofres máis valiosos

son

matarilerón

os que custodian dentro

as chaves mergulladas).



MARÍA DO CEBREIRO

No hay comentarios:

Publicar un comentario